NOIA> O alcaldable, Santiago Freire, considérao unha das súas prioridades, que levará adiante de forma inmediata, se a partir do 24 de maio accede á alcaldía. Trátase dunha demanda de vello da sociedade noiesa, que agora o candidato popular, Santiago Freire, pretende facer realidade se chega á alcaldía. Trátase de recuperar a navegabilidade ata o peirao do Marqués, a través do dragado da canle de acceso no interior da Ría, o que permitirá a creación dunha lámina permanente de auga. Esta actuación posibilitará a instalación de pantaláns para distinto tipo de embarcacións e a construción dunha praia artificial na zona de Labarta. En definitiva darlle unha imaxe nova, moito máis acolledora, á vila. Esta actuación sería executada por Portos de Galicia cun custe previsto de 2’8 millóns de euros, tal e como acredita o proxecto que o propio Freire presentou para explicar a dita actuación. Aínda así a actuación, a realizar en varias fases, prevé tamén a implicación do Goberno Central, a través de Costas do Estado, para o que xa existe unha partida de 1’2 millóns de euros para a presente anualidade, na que se incluiría a ampliación da actual rotonda da ponte de entrada á vila, o que posibilitaría mellorar a conectividade ó centro urbano e se levaría a cabo a construción dunha senda peonil dende esa zona ó peirao do Marqués para despois dar continuidad ó paseo marítimo.
Inicio Barbanza - Muros - Noia











