Novos vertidos contaminantes na Pobra e Ribeira

    POBRA/RIBEIRA > Un novo vertido de gasóleo e graxa apareceu onte domingo no interior da dársena da Pobra do Caramiñal, nas proximidades do Club Náutico da localidade. O Patrón Maior pobrés, Manuel Maneiro, denunciou estes feitos, que segundo el non é a primeira vez que se producen, alertando ó Seprona da magnitude da mancha.

    Segundo Maneiro, o vertido produciuse a primeiras horas da tarde do domingo. Ó parecer os vixilantes da propia Confraría de Pescadores percatáronse da presenza dunha mancha de gasóleo e graxa no interior da dársena portuaria, nas inmediacións das instalacións do Club Náutico da localidade e do peirao vello.

    Manuel Maneiro amosou o seu malestar pola situación que se vén repetindo con frecuencia na localidade. Aínda que sinalou descoñece-la procedencia do vertido, todo parece indicar que se trata dunha limpeza de sentinas dalgúns dos barcos amarrados no porto comercial.

    Manuel Maneiro considera necesario a adopción de medidas para acabar dunha vez por todas con estas situacións, que veñen a prexudicar os intereses pesqueiros e marisqueiros da zona.

    As augas do porto de Ribeira tamén rexistraron esta pasada fin de semana un novo vertido. Nesta ocasión tratouse dunha estrana mancha de cor branca situada á altura dos pantaláns flotantes onde amarran as embarcacións menores.

    De novo os mariñeiros de Ribeira veñen de amosa-lo seu malestar por un vertido que se producía esta pasada fin de semana xunto ós pantaláns flotantes onde atracan as embarcacións menores. A auga tinguiuse de cor branca, provocando ademais un forte cheiro.

    Este tipo de feitos repítense con demasiada frecuencia no porto da localidade polo que dende a Confraría de Pescadores insistese na necesidade de controlar ós posibles causantes destes vertidos, solicitando medidas máis efectivas das autoridades locais, xa que estes problemas causan graves prexuízos ós mariscadores e mariñeiros.

    Redacción Barbanza