A ANPA do Castelao critica a Moreda por non visita-las obras da rotonda

    rotonda_100_220906.jpgRIANXO > Os pais dos alumnos do colexio Castelao en Rianxo quixeron mostra-lo seu descontento logo das declaracións feitas onte polo presidente da Deputación da Coruña durante a súa visita á localidade. Ademais, o colectivo de pais considera unha falta de respeto que Fernández Moreda estivera en Rianxo e que non se achegara a contemplar as obras de modificación da polémica rontonda.

    Salvador Fernández Moreda desprazouse ata Rianxo para colocar a primeira pedra da que será a futura piscina municipal pero durante a súa estancia na localidade non visitou as obras da tan polémica rotonda ubicada nas inmediacións do colexio Castelao, algo que os pais dos alumnos consideran de irresponsabilidade e de falta de respeto xa que na súa opinión o presidente da Deputación debería ter visitado o lugar para comprobar ‘in situ’ o proxecto que se aprobara inicialmente.

    Durante a xuntanza mantida a semana pasada cos pais dos alumnos afectados pola construcción da rotonda o presidente da Deputación presentoulles unha proposta alternativa que contemplaba a reducción do radio da mesma, a creación dun espazo verde área de protección e a instalación dun semáforo e unha banda elevada para reduci-la velocidade do tráfico.rotonda_200_220906.jpg

    Durante a súa visita a Rianxo Fernández Moreda declarou que estaba á espera de que nos próximos días os afectados lle desen unha resposta definitiva sobre a viabilidade do novo proxecto. O colectivo de pais, pola súa banda, indicou só darán o visto bo á iniciativa se esta conta co apoio da ANPA e do Consello Escolar e pregúntanse ademais por qué só se lles presentou unha das tres propostas que en principio se barallaban.

    Os pais queixanse tamén de que a entidade provincial non cumpriu coa súa promesa de ter adecentadas as inmediacións do centro escolar antes de que os nenos comezaran ó colexio. Segundo indicaron os rapaces levan xa unha semana asistindo á escola e teñen que dar as clases coas fiestras baixadas para non ser molestados polos continuos ruídos dos operarios que están a realizar estes traballos.

    Redacción Barbanza