O Concello de Porto do Son recibe as obras da EDAR de Xuño e do saneamento de Caamaño

PORTO DO SON> A Xunta de Galicia dá por concluido o saneamento de Caamaño e as obras de ampliación levadas a cabo na depuradora de Xuño, no concello de Porto do Son. Fíxoo nun acto simbolico levado a cabo na propia EDAR no que participaron a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o alcalde, Luis Oujo.

A actuación supuxo un investimento por parte da consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, de  máis dos 450 mil euros. Supuxo  a instalación de máis de mil metros de colector e un novo bombeo, co que poder impulsar as augas ata o punto máis elevado da parroquia de Caamaño. Paralelamente tamén se desenvolveron traballos de mellora e ampliación na propia EDAR de Xuño para que teña un adecuado funcionamento, e poder dar un servizo axeitado ós preto de mil habitantes dos núcleos de Xuño e Caamaño.

O alcalde, Luís Oujo, agradeceu a actuación, que vén a sumarse a liña marcada dende a súa chegada ó goberno hai xa oito anos, dándolle prioridade as obras destinadas a dotar dos servizos básicos ós veciños do municipio, especialmente abastecemento de auga e saneamento.

Aproveitouse tamén a xuntanza para falar do inminente comezo das obras que se realizarán na EDAR de Loreto, que permitirán mellorar os sistemas de xestión telemática no control do efluente da depuradora, así como avanzar nos proxectos para dotar de saneamento ós núcleos de Queiruga e San Pedro, que pasa pola construción dunha nova depuradora nas inmediacións do río Maior.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí