Os estibadores do porto de Vilagarcía, ó límite

    VILAGARCÍA > Os estibadores eventuais de Vilagarcía están dispostos a convocar mobilizacións drásticas. As setenta familias que dependen dos seus salarios xa chegan ó seu límite. No último ano os ingresos acadaron cifras moi baixas, de incluso oitenta e noventa euros ó mes. Xa non lles queda paciencia nin gañas de seguir dialogando.

    Tras esta situación insostible está a crise da pesca conxelada. Os estibadores eventuais seguen denunciando a competencia desleal que levan a cabo outros portos da ría, como Ribeira e A Pobra, que reciben importantes descargas de túnidos e outros productos pesqueiros. A situación é límite para algúns estibadores, que non poden acollerse sequera a un subsidio por desemprego. Coas cousas así, unha decena destes traballadores xa se trasladou a Ribeira e A Pobra para descargar alí os barcos que non chegan a Vilagarcía. Comisións Obreiras e os estibadores seguen esperando unha resposta dos responsables políticos ás súas peticións de diálogo.

    Redacción Salnés