O BNG cre que a aprobación do convenio estivo condicionada polo ‘engano’ do PP

    POBRA > O BNG da Pobra vén de denunciar publicamente o engano ó que foron sometidos tódolos grupos da coporación por parte do PP durante o pleno celebrado o pasado xoves. Segundo os nacionalistas, o executivo asegurou que unha enmenda presentada a última hora con respecto ó convenio dos funcionarios fora pactada previamente, polo que tódolos grupos votaron a favor. Sen embargo, o grupo nacionalista comprobou posteriormente que esta enmenda, relativa ó persoal da Policía Local,  non fora acordada cos representantes dos traballadores polo que solicitarán ó alcalde que volva a levar a pleno este punto.

    De ‘insólita’ calificaron os nacionalistas da Pobra a situación vivida na sesión plenaria que tivo lugar o pasado xoves. O convenio colectivo, aprobado por unanimidade, recollía nun dos seus puntos máis conflitivos a obligatoriedade de contar con douas axentes da Policía Local como mínimo en cada turno. Sen embargo, o grupo do PP presentou unha enmenda segundo a cal este requisito se cumpriría sempre e cando houbese persoal dispoñible suficiente.

    Os populares aseguraron que esta alegación fora acordada previamente cos representantes sindicais e os propios traballadores; razón pola cal tódolos grupos votaron a favor da aprobación do convenio. Sen embargo, a voceira nacionalista comprobou posteriormente que o resto das partes implicadas non tiñan sequera coñecemento desta enmenda polo que considera que foron enganados e que o seu voto estivo condicionado.

    Rosana Pérez asegura que nin os representantes sindicais nin o delegado de persoal da Policía Local sabía desta enmenda polo que é imposible que a tiveran acordado co executivo local. Por este motivo, os nacionalistas consideran que esta enmenda carece de validez e solicitan á alcaldía que no próximo pleno se volva a incluir este punto para ser tratado convenientemente.

    Redacción Barbanza