Expobaixas abre as súas portas esta fin de semana

    PONTEVEDRA > Este venres ás doce do mediodía será inaugurada no Recinto Feiral de Pontevedra ‘Expobaixas’ a feira de oportunidades para comerciantes. Un total de 87 stands porán á venda os seus stocks a un prezo especial para que todo o que se achegue alí durante a fin de semana se poida facer con auténticas gangas.

    Dende este venres e ata o domingo da vindeira semana terá lugar a terceira edición de Expobaixas, a feira de oportunidades que organiza Zona Monumental e que este ano conta con 87 stands que xa están adxudicados e prevese que sexa todo un éxito.

    Unha feira pensada polos comerciantes á que se pode acceder previo pago dun euro á entrada que serve para axudar a sufragar os 90 mil euros que custa montala.

    Como as expectativas son tan altas este ano, os servizos adecúanse ás circunstancias, entre eles horarios continuados (de 11 da mañá a 9 da noite) e algún que outro extra (como gardería) para que os que acoden atopen con calma tódalas gangas ó seu alcance.

    A feira, organizada por Zona Monumental e mais AEMPE, conta coa colaboración do Concello de Pontevedra.

    Redacción Salnés