![]()
AROUSA > Mentres Aduanas investiga o caso da última planeadora incautada esta mesma fin de semana, hai unha nova condea contra un dos narcos históricos de Arousa: Laureano Oubiña. 6 anos e 9 meses de cárcere e 60 millóns de euros de multa pola chamada Operación Ocaso. Xunto con el foron condeados outros 8 galegos, entre eles o seu fillastro David condeado a 6 anos e multa de 2 millóns e José Vilanova Romay de Boiro e Manuel Oubiña Otero de Vilagarcía ámbolos dous condeados a 4 anos e 2 millóns de euros de multa.
En outubro de 1999 o Petrel interceptaba o buque Regina Maris con 15 toneladas de haxix. Era a operación Ocaso na que foron detidos Ester Lago e o seu fillo, David. Laureano Oubiña fuxiu, aparecendo en Grecia meses despois.
Agora o cabecilla ven de ser condenado por esta operación a 6 anos e 9 meses de cárcere que se suman ós que xa ten acumulados por sentencias anteriores. Esta sentencia coincide con novos casos relacionados co narcotráfico.
Este martes permanecía no porto de Vilagarcía a planeadora incautada esta fin de semana polo Servizo de
Vixiancia Aduaneira. A lancha, que ten catro potentes motores, foi abandoada en Cambados tras unha persecución pola ría. Trátase dun modelo antigo, moi utilizado a principios dos 80 e que soe facerse en asteleiros da comarca.
A bordo localizáronse varios bidóns de combustible, polo que estaba lista para ser utilizada. O Servizo de Vixiancia Aduaneira abriu unha investigación para identificar ós propietarios e esclarecer se a embarcación participou nalgunha descarga ou o ía facer en breve. Precisamente a planeadora está xunto con outras incautadas nos últimos días, como a localizada na desembocadura do Umia en Castrelo preparada tamén para ser usada, ou as interceptadas en Vilanova e en Faxilde.
Redacción Salnés







