A pesca deportiva en zonas protexidas será penada con multas de ata 60 mil euros

    BARBANZA > O Ministerio de Medio Ambiente vén de impoñer unha sanción A  Arturo Martínez Parada pola pesca ilegal nas augas do Parque Nacional das Illas Atlánticas. A multa, que pode oscilar entre os 6 mil e os 60 mil euros, supón o inicio dunha serie de expedientes que se resolverán en breve coa mesma sanción. A decisión está a crear un certo malestar na comarca, especialmente entre o sector da pesca deportiva.

    Os feitos aconteceron o pasado 27 de agosto cando Arturo Martínez Parada foi sorprendido practicando pesca deportiva a bordo da súa embarcación no Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, na zona de Area Mesa. A normativa que rexe este parque cualifica tanto a caza como a pesca ilegal de infracción grave acompañada dunha multa  entre 6010 euros e 60100 euros.

    Dase a circunstancia de que o entorno protexido das Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada foi, ata a creación do parque, un espazo habitual para a práctica da pesca recreativa. De ahí o malestar xerado entre os afeccionados que non comparten as restriccións impostas polo ministerio.

    Dende os clubs náuticos da zona tamén se considera que se trata dunha sanción ‘desproporcionada’ e non descartan emprender accións para modificar o regulamento que rexe este tipo de espazos protexidos. Neste sentido está prevista unha xuntanza o vindeiro xoves en Santiago na Consellería de Deportes na que participarán representantes de tódolos clubs náuticos de Galicia co fin de buscarlle unha solución satisfactoria a este problema.

    Pola contra, as confrarías da zona equiparan esta práctica ó furtivismo xa que na zona protexida soamente está permitida a pesca tradicional e baixo vixilancia. Neste sentido, chegou a plantexarse incluso a necesidade de restrinxi-la pesca artesanal debido ó risco de sobreexplotación que sofren algunhas especies.

    Ata o momento, a normativa reguladora do Parque Nacional aplicada polo Ministerio de Medio Ambiente, segue a xerar discrepancias entre diversos secotres. O próximo verán terá lugar o traspaso de competencias sobre a súa xestión quedando nas mans do goberno autonómico.

    Redacción Barbanza