MUROS> Natureza, historia, gastronomía e tamén unha ampla programación cultural. Estes son algúns dos grandes atractivos de Muros para este outono. Dende o Concello fan unha chamada a visitar a localidade non só na tempada estival, ó existir recursos máis que suficientes para facelo ó longo de todo o ano.
No último ano a afluencia de turistas a Muros incrementouse notablemente con respecto a anos anteriores, un feito que evidencia que cada vez o municipio está a ser máis coñecido e valorado. Dende o Concello buscan tratar de desestacionalizar a chegada de visitantes ó municipio, e que non se limite únicamente ós meses de verán. Neste sentido a alcaldesa, María Xosé Alfonso, destacou a programación teatral deseñada ata finais de ano, o que permite que tódalas fins de semana haxa todo tipo de oferta, tanto para os máis pequenos como para os adultos.
Outra das ofertas turísticas de Muros é o Museo da Marea. Unha instalación que acolle exposicións de diferente temática como a que agora pode visitarse baixo o título ‘Unha invasión silenciosa. A biodiversidade baixo ameaza’.
A alcaldesa destacou tamén os contidos que integran o actual Museo do Mar, na antiga Fábrica de Sel.
A isto hai que engadirlle tamén as visitas guiadas ó casco histórico ofertadas dende o Concello, así como tamén o punto de información turística, que permanece aberto durante todo o ano.