Barbanza e Muros-Noia moi presentes nos premios COAG

    BARBANZA> Construcións de Outes, Porto do Son, Ribeira ou Noia están entre as obras preseleccionadas para os premios que outorga o Colexio de Arquitectos de Galicia. O Colexio de Arquitectos de Galicia deu a coñecer as obras finalistas dos Premios COAG de Arquitectura, que na súa décimo sétima edición contou coa candidatura de 158 propostas. O requisito, ser executadas e finalizadas no ámbito territorial da entidade colexial entre o 31 de xullo do 2014 e o 31 de xullo do 2016. O xurado profesional seleccionou un total de 34 obras entre as oito categorías existentes. A comarca do Barbanza acolle varias destas construcións. No apartado de Deseño Urbano Espazos Abertas atopamos tres exemplos: O aparcadoiro na rua Xuíz Falcone de Noia, proxecto de Salgado e Liñares. O acondicionamento da praza pública no Campo da Atalia en Porto do Son, tamén de Salgado e Liñares; e xa no concello de Ribeira, o Miradoiro de Pedra da Rá, deseño de Carlos Seoane. Na categoría de Baixo Custo, aparecen como finalistas o proxecto Chic&cheap de Vivenda Social, en Barro, Noia, de Martín Insua e José Barreiro. E tamén os Apartamentos de Turismo Rural Cabañas de Broña, en Tavilo, Outes, de Salgado e Liñares. O concello de Outes está presente tamén entre os finalistas na categoría de Equipamentos, coa construcción do centro de Actividades mariñeiras e Cabanas do barranxo de Ousesende. Obra tamén, de Salgado e Liñares. Con esta gran representación barbanzá os gañadores daranse a coñecer na gala de entrega dos premios, que se celebrará o 17 de marzo no Teatro Principal de Ourense, ás oito da tarde.