A variante de Pontearnelas podería estar lista este ano

    SALNÉS > A deputación de Pontevedra inaugurou este sábado as obras de acondicionamento do entorno da ponte e do río Umia ó seu paso por Pontearnelas. O presidente da Deputación, Rafael Louzán, anunciou xa o seguinte paso do proxecto, que consiste na construcción dunha nova ponte e na mellora da seguridade vial nesta zona.

    A variante de Pontearnelas podería estar rematada antes de que remate este ano, alomenos así o indicou o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán. O sábado xa se asinou o contrato coa empresa adxudicataria, Sercoisa Aldesa, e a deputación presentou o proxecto ós veciños. Construirase unha nova ponte un pouco máis abaixo da actual para eliminar as curvas e redistribuirase o tráfico con tres glorietas. Baixo a ponte irá unha pasarela peonil.

    Este é o seguinte paso do proxecto de mellora do entorno de Pontearnelas. E faise despois de investir máis de 79.000 euros no acondicionamento do entorno da ponte medieval de orixe romano e da área que bordea ó propio río Umia. Pavimentouse con adoquín de granito o tramo que discorre desde o muíño ata a ponte, mellorouse a iluminación e construíuse sendeiro de madeira ó nivel da beira do río. Tamén se recuperaron dúas pezas do século dezaseis que hai no extremo da ponte, o cruceiro e a estela labrada que conmemora a reconstrucción da ponte por Felipe II en 1589. A encargada de inaugurar esta obra foi a alcaldesa de Ribadumia.

    Rematadas estas obras e construída a variante, o proxecto continuará coa mellora do campo de festas de Santa Marta. A petición do alcalde de Vilanova, a deputación incluirá tamén a colocación de beirarrúas e servizos básicos neste lugar. Nestas actuacións, o río Umia está a ter un protagonismo especial. Desde o concello de Cambados, solicitouse a colaboración das empresas da zona para facer efectiva a súa recuperación medio ambiental.

    Redacción Salnés