Meaño merca un terreo no centro de Dena para promover a construción de vivenda social

MEAÑO> Meaño aposta por promover a construción de máis vivenda no centro de Dena. O concello formalizou a compra dun terreo urbanizable por 235.000 euros. A intención é que un dos tres bloques de vivenda proxectados sexa de protección oficial. Así as cousas, o proceso pasará polo xustiprezo despois de que os propietarios presentaran alegacións.

Esta parcela dunha hectárea en pleno centro de Dena xa é de titularidade municipal. O concello formalizou a compra deste terreo para promover a construción de vivendas.

Dos tres bloques proxectados, a intención do goberno local é que un sexa destinado a vivenda social. Para isto xa comezaron as conversas coa Xunta de Galicia, coa intención de que contemplen esta parcela na súa aposta pola construción de vivenda de protección oficial.

Para formalizar a compra deste terreo, o concello aboou 235.000 euros. Pero a propiedade non a considera unha contía xusta, polo que levarán o proceso ao xustiprezo.

Ademais o alcalde garantiu que tanto antes como despois da humanización do terreo manterase a reserva de espazos para aparcadoiros.