En marcha a Mancomunidade de Protección Civil Ulla Umia

    PORTAS > Representantes de seis agrupacións de Protección Civil da comarca Ulla Umia reuníronse este domingo en Portas para dar forma á futura Mancomunidade de agrupacións. Do que se trata é de aunar servizos para atender con eficacia os casos de emerxencia nesta comarca. Sen embargo, acordouse que cada agrupación manterá a súa propia identidade e encargarase das actuacións no seu concello.

    Unha das eivas coas que se atopan as agrupacións de Protección Civil en moitos concellos é a falta de material necesario para atender un accidente laboral ou de tráfico, ou un incendio forestal ou urbano. É o caso dos voluntarios de Caldas, Portas, Moraña, Valga, Pontecesures e Catoira. Coa idea de poder atender unha urxencia nesta comarca de Ulla Umia con medios propios e no menor tempo posible, nace a futura Mancomunidade de Protección Civil Ulla-Umia.

    Representantes destas seis agrupacións reuníronse o domingo en Portas para estudar os estatutos desta agrupación mancomunada. Unha vez sexan ratificados por cada unha terá que remitirse á Consellería de Presidencia. Neste proxecto tamén entraría Cuntis, pero antes ten que crearse unha agrupación local. O primeiro acordo ó que se chegou na reunión do domingo foi que cada agrupación manterá a súa propia identidade e encargarase das actuacións do seu concello.

    O máis difícil será conseguir respaldo político para crear un parque comarcal e dotalo dos medios necesarios, tanto materiais como humanos. Para elo están a elaborar un dossier, cunha memoria na que se recollen datos como o coste de construcción das instalacións, de mantemento, de adquisición de material e de persoal, para que os Concellos poidan valorar si é ou non rentable. Os promotores desta iniciativa teñen avanzada a ubicación deste parque comarcal. Segundo eles tería que estar na zona de Caldas, en Bemil ou Carracedo por ser a máis equidistante a tódolos puntos da comarca.

    Entre os obxectivos desta colaboración está tamén a de acceder a cursos de formación que permitan mellorar a atención e as intervencións que os voluntarios realizan en situacións de emerxencia.

    Redacción Salnés