RIBEIRA > O concello de Ribeira vén de poñer en marcha un programa educativo destinado a mellora-las condutas e comportamentos sociais entre a mocidade. Baixo o título ‘Educación en Valores’ tódolos institutos do municipio están a participar neste ciclo de charlas e obradoiros que xa se levaron a cabo o pasado ano nos centros públicos, con moi bos resultados.
Precisamente o grande éxito acadado por esta iniciativa o pasado ano nos centros públicos, levou ó concello ribeirés a aplicalo tamén nesta ocasión nos centros concertados. En total son sete os institutos nos que se desenvolve o programa ‘Educación en valores’ que esta mesma mañá foi presentado polas concelleiras de Servizos Sociais e Educación de Ribeira.
Este proxecto, que implica a preto de 650 rapaces, divídese en tres tipos de obradoiros baseados en xogos de simulación e dinámicas de grupo. O primeiro deles, referido ás habilidades sociais pretende dotar ós alumnos das pautas de comportamento axeitadas nas relacións interpersoais en diversos entornos como a escola ou a familia.
O programa inclúe tamén un obradoiro de resolución de conflitos que pretende fomentar unha concepción de conflito que permita afrontalo positivamente a través da reflexión e o diálogo.
Outro dos campos nos que se centran as actividades é a educación afectivo-sexual. Este obradoiro ten como obxectivo dotar ós alumnos dun concepto integral de sexualidade cara unha aceptación positiva de si mesmos e dos demais, mellorando así mesmo o coñecemento sobre os diferentes métodos anticonceptivos e sobre os cambios producidos durante a adolescencia.
En definitiva, o obxectivo destes obradoiros é contribuír a formación dos mozos incidindo na necesidade de comunicación e reflexión e aportando pautas de comportamento cívico como referente da actuación na sociedade.
Redacción Barbanza