RIANXO> O PSOE de Rianxo urxe a acometer actuacións urxentes de mantemento en varios puntos do casco histórico. Os socialistas demandan un reforzo da limpeza e do mantemento na Praza da Fonte así como a revisión da balaustrada do Campo de Arriba ante os desprendementos rexistrados nos últimos meses.
Non é a primeira vez que o PSOE rianxeiro solicita unha revisión integral da varanda de pedra do Campo de Arriba para coñecer o seu estado e evitar desprendementos como os que se teñen producido nos últimos meses. Esta situación supón un serio perigo para a veciñanza nunha zona moi frecuentada e nas inmediacións dun parque infantil.
Ademais dos problemas de seguridade, os socialistas denuncian tamén a falla de mantemento e limpeza noutros puntos do centro urbano como a Praza da Fonte, proxectando unha negativa imaxe do municipio.
Dende o PSOE acusan ó goberno de deixadez posto que, a pesar das reiteradas demandas do seu grupo e das queixas veciñais, os espazos públicos seguen sen presentar as condicións axeitadas.











