Proinsa e propietarios acordan a reparación de danos en Xoan XXIII

    VILAGARCÍA > A empresa Proinsa asumirá o custe do arranxo do forxado do patio no edificio Arealonga e os gastos realizados polas comunidades de propietarios, afectados polas obras do aparcamento Xoán XXIII, en Vilagarcía. Este martes celebrouse unha reunión no concello entre ambas partes, coa presencia do alcalde e dos técnicos municipais.

    Proinsa e propietarios achegaron posturas sobre a reparación dos danos ocasionados polas obras do aparcamento de Xoán vintetrés. Na reunión celebrada este martes acordouse que no prazo máximo de 15 días, a empresa Proinsa comunicará se acepta ou non a proposta de reparacións que realizaron os representantes das comunidades de propietarios. A continuación, o arquitecto municipal Xoán Xosé Rodríguez, designado como árbitro polas partes, terá unha semana para realizar un informe sobre os aspectos nos que non haxa acordo. Entregado este informe e coa aceptación das partes, establecerase un prazo de ata dous meses para realizar as reparacións.

    En canto ó forxado do edificio Arealonga, onde estaban as xardineiras, a empresa Proinsa aportará unha cantidade de diñeiro que, en principio, parece suficiente para financiar a execución das reparacións necesarias, de acordo cos orzamentos que xa teñen os representantes dos veciños. O concello comprometeuse a solicitar algunhas outras empresas que presenten propostas económicas, se así o desexan.

    Tamén se acordou que Proinsa se fará cargo dos gastos que tiveron as comunidades de propietarios, sempre e cando se xustifiquen debidamente. Ó marxe deste acordo queda o supermercado Eroski, con que a constructora negociará directamente. O alcalde Javier Gago espera que en tres meses quede concluído este proceso, con satisfacción para tódalas partes.

    Redacción Salnés