Vilanova estuda medidas contra Vilagarcía por obrar sen autorización

    VILANOVA > Primeiro foi a conexión á rede de abastecemento de auga, e agora á de saneamento. Os problemas de lindes entre Vilanova e Vilagarcía teñen estes días un novo capítulo. Vilanova paralizou este luns unha obra de Vilagarcía por afectar ó seu municipio e por carecer de autorización e un día despois Gonzalo Durán anunciou medidas legais contra unha posible usurpación de funcións.

    gonzaloduran_300_070206.jpgO concello de Vilanova estuda cos servizos xurídicos tomar medidas legais contra o goberno municipal de Vilagarcía. Sucede tras paralizar este luns unha obra da empresa Covsa contratada polo concello veciño. Segundo o parte da Policía Local de Vilanova, os operarios tiñan aberta unha gabia na estrada, no lugar do Pereiro, lindando coa parroquia vilanovesa de Baión e afectando polo tanto a terreos deste municipio. Segundo Gonzalo Durán, Vilagarcía tiña intención de enganchar o sumidoiro á rede de Vilanova, sen contar con ningunha autorización.

    O rexedor vilanovés insinúa que Vilagarcía pretende darlle servizos ós seus veciños a costa das obras que faga Vilanova, mentres por detrás lles cortan investimentos. Durán refírese á decisión da consellería de Medio Ambiente de retirar a achega para o saneamento de Serantes, en Baión. Considera que isto tamén prexudica ós veciños do Sixto, en Vilagarcía e advirte que mentres non se retome esa obra non permitirá ó concello veciño conectarse á súa rede.

    Durán explicou que Vilagarcía solicitou permiso para esta obra no mes de xuño, desde Vilanova requiriron máis información sobre o proxecto, que recibiron máis adiante, pero sen darlle autorización.

    Redacción Salnés