BOIRO > O Consello Local do BNG de Boiro, lonxe de zanxa-la polémica xurdida co grupo socialista, trala visita do Conselleiro de Medio Ambiente, vén de esixir as desculpas públicas do tenente alcalde, Xoán Xesús Ares. Os nacionalistas acusan novamente a Ares de tentar suplantar ó alcalde organizando un acto partidista ás súas costas.
A intención do Consello Local do BNG e Boiro é informar á cidadanía da actitude amosada por Xoán Xesús Ares na xestión da visita do Conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, que se desprazou ata o municipio o pasado venres.
Segundo os nacionalistas, a visita foi organizada sen ter en conta ó alcalde, Xosé Deira, como máximo responsable da corporación, posto que non houbo un comunicado oficial por parte da Consellería. A postura nacionalista é de total rexeitamento á forma de proceder do tenente alcalde, Xoán Xesús Ares, que, na súa opinión, ‘tentou capitalizar un acto institucional de xeito partidista’.
Así mesmo, critican as súas posteriores declaracións ós medios de comunicación posto que deixan en entredito a figura do alcalde e crean confusión na cidadanía ó afirmar que foi el quen enviou as invitacións para a recepción do conselleiro.
O Consello Local do BNG esixe a Xoán Xesús Ares que se disculpe publicamente polo seu comportamento e que ‘cambie a postura personalista que vén mantendo. A este respecto, os nacionalistas critican as ‘ansias desmesuradas de capitalizar a vida política coa intención de rendibilizar calquera xestión feita dende o concello’ amosadas por Ares. De non producirse un cambio na súa actituse, ‘o único responsable da ruptura do pacto de goberno antes do fin da lexislatura será o Partido Socialista.
As discrepancias no tripartito non deixaron indiferente á oposición que aproveitou a polémica xurdida entre as dúas partes para verter novas acusacións sobre o goberno. O PP considera ‘vergonzante’ a actitude amosada polos representantes municipais posto que deu lugar a un suceso grave que desprestixia a imaxe do concello.
As diferencias públicas entre os membros do tripartito de Boiro espertaron novas críticas entre a oposición que considera ‘irresponsable e indigno’ o comportamento amosado polo executivo durante a visita do Conselleiro de Medio Ambiete o pasado venres. Segundo os populares, o concello quedou en ridículo ante a Xunta e a opinión pública evidenciando que os membros do goberno antepoñen os seus intereses persoais e partidistas ante o ben dos cidadáns.
O voceiro do PP, Xoán Xosé Dieste, vai máis alá cualificando ó tenete alcalde, Xoán Xesús Ares de ‘listillo usurpador’ e ó rexedor local, Xosé Deira, de ‘alcalde impotente e sen autoridade’.
Os populares consideran que non existe xustificación para estes comportamentos posto qe ‘os cidadáns e as institucións que os representan deben estar por encima de tódalas diferencias’. Sen embargo, ó seu parecer o único que mantén o pacto de goberno son os intereses partidistas, persoales e os soldos dos seus membros mentres que se descoidan as inversións necesarias para o municipio que están a situar a Boiro á cola de Galicia. A oposición argumenta que as grandes obras de Boiro seguen a ser promesas incumplidas e as inversións en colexios, polideportivos, paseos marítmos ou centros sociais pertencen ó pasado cando gobernaba o Partido Popular.
Redacción Barbanza