RIBEIRA> Oito compañías integran o cartel da mostra de teatro infantil que arranca o vindeiro 28 de maio en Ribeira. Ademais dos grupos de varios colexios de Ribeira participarán nesta edición agrupacións da Pobra, Lousame e Noia. Nesta vixésimo primeira edición da mostra de teatro, pasarán polo escenario oito agrupacións e máis de trescentos participantes. Desenvolverase entre o 28 de maio e o dous de xuño con funcións a partir das sete da tarde no auditorio municipal. A clausura correrá a cargo dun musical así como a entrega de diplomas e agasallos ás compañías participantes. A mostra, que cumpre nesta edición vinte e un anos, conta cunha longa traxectoria como xerme de novos intérpretes grazas á asociación cultural Alfaia quen a puxo en marcha en 1998. Dende a organización fan un chamamento á participación para manter o éxito das anteriores edicións facendo desta mostra unha das máis lonxevas da comarca.
Inicio BARBANZA