Arousa Norte distingue a quince empresas cun selo de calidade turística

    BOIRO > Un total de 15 empresas e organismos da comarca do Barbanza recibiron un distintivo de calidade turística outorgado pola Secretaría Xeral de Turismo. A iniciativa promovida pola Mancomunidade de Municipios Arousa Norte é un símbolo de recoñecemento á participación e compromiso coa calidade.

    O presidente da Mancomunidade, Isaac Maceiras, foi o encargado de presidi-lo acto ó que temén asistiron o alcalde de Boiro, Xosé Deira, a xerente da Mancomunidade, Pilar López, a coordinadora de Planes da Secretaría General de Turismo, Paz Vierna e a a subdirectora de Fomento da Dirección Xeral de Turismo, Pilar Morgade. Esta última destacou na súa intervención o factor calidade como característica diferencial nun sector cada vez máis competitivo como é o turismo.

    Pola súa banda, Isaac Maceiras, incidiu na necesidade de potencia-los aspectos peculiares do Barbanza de cara a difusión nacional e internacional das súas posibilidades turísticas.

    En total son quince os establecementos e organismos de Arousa Norte que recibiron este distintivo de calidade turística: o Restaurante Arume de Boiro, a Aula Activa do Mar de Rianxo, o Cámping Ría de Arosa, as casas de turismo rural A Casa do Patín, A Posta do Valmaior, Entre os Ríos, Insuela, Os Muíños, Os Petroglifos, o centro de buceo Palmira Scuba Charter, Dinámica, Caminando por el mar, as oficinas de turismo de Rianxo e Boiro e a propia Mancomunidade Arousa Norte.

    Cada unha destas empresas distinguidas con este selo de calidade turística outorgado pola Secretaría Xeral de Turismo deberon superar tres ciclos continuos de formación, a asistencia con visita individual ós diferentes locais e diversos talleres colectivos.

    Grazas a este distintivo nun futuro estes establecementos poderán optar ó proceso de implantación e certificación da prestixiosa norma Q de calidade do Instituto de Calidade Turística Español referido a hoteis, restaurantes, casas rurais e oficinas de información turística.

    A metodoloxía empregada pola empresa adxudicataria do Plan de Calidade foi o Modelo de Aproximación á Calidade Turística, incluída dentro dos Plans de Excelencia e Dinamización Turística como etapa intermedia á Certificación da Calidade Turísitica Sectorial. Este modelo é o conxunto de produtos, instrumentos e metodoloxías de xestión e mellora de calidade do servizo prestado. A súa finalidade é ofrecer unha vía de solucións que canalice as inquietudes dos empresarios do destino e as oriente cara as accións de mellora do servizo turístico nunha perspectiva de conxunto.

    Redacción Barbanza