As ambulancias retoman a folga demandando melloras laborais

    GALICIA > Tal e como viviamos fai uns días, os traballadores das empresas de ambulancias de toda Galicia volven a estar en folga. O obxectivo é o mesmo, mellorar as condicións laborais actuais que se basean en xornadas de traballo interminables, salarios mínimos e malas condicións de hixiene e seguridade. Ás portas do Hospital do Salnés concentrábase co inicio desta folga parte do cadro laboral das empresas xa que o resto estaba cumprindo os servizos mínimos.

    folgadeambulancias_300_090206.jpg

    Non xurdiu efecto a pasada folga, na que os traballadores das empresas de ambulancias denunciaban unhas condicións laborais ínfimas. Xa o demandaban tamén fai uns anos co goberno do Partido Popular na nosa comunidade, hoxe todo segue igual. Os conductores dun servizo tan importante como é o traslado de enfermos os centros hospitalarios sofren xornadas de traballo interminables, salarios de miseria e malas condicións de seguridade e hixiene. Así, os traballadores manifestábanse, ás portas do Hospital do Salnés para pedir, unha vez máis, que se cumpran os seus dereitos.
    Aínda que non só as empresas están implicadas nisto, ó seu entender, a Consellería ten moito que dicir xa que traballan para unha concesionaria do SERGAS, servizo dependente da Xunta de Galicia. O mércores a Conselleira de Sanidade que visitaba as instalacións do Hospital do Salnés non se facía cargo deste importante problema.

    Os servizos de urxencias e os traslados de enfermos con tratamentos de radioterapia e diálise están sendo respectados ó cen por cen, non así a rehabilitación, un dos máis demandados. Os traballadores piden desculpas polos trastornos que poidan ocasionar pero cren que esta medida de presión non só é para demandar condicións de traballo dignas senón tamén para non poñer en risco o traslado dos pacientes.

    Redacción Salnés