![]()
SALNÉS > Tres artefactos explosivos de baixa intensidade estouraron esta fin de semana, na amencida do venres ó sábado, nas casetas…
… que as asociacións mexilloeiras Virxe do Rosario, Federación de Arousa Norte, e Cons de Udra teñen nos peiraos de Vilaxoán, O Grove e Bueu, respectivamente. Na caseta que a Federación Arousa Norte ten no porto grovense de Meloxo, a chapa resultou perforada e o alcance da explosión mesmo chegou a varios utensilios de traballo existentes no seu interior. O mesmo aconteceu á Agrupación Cons de Udra. Peor sorte correu o local da asociación Virxe do Rosario onde o estourido afectou ás tubarias da auga, que deron en asolagar as instalacións.
Ata o de agora non se coñecen as identidades dos presuntos autores nin o concreto das súas reivindicacións. No caso traballan a reo axentes da garda civil e os coñecidos como TEDAX, expertos en desactivación de artefactos; quen segundo as primeiras investigacións, xa apuntaron que as explosións puideran deberse á manipulación caseira de petardos ós que se lle engadiría unha importante carga de parafusos e torcas que farían as veces de metralla, intensificando o seu poder destructivo. Segundo fontes da investigación, a colocación podería estar vinculada ó recrudecemento do clima de conflicto interno do propio sector mexilloeiro.
A estas explosións hai que engadir outras sabotaxes de menor alcance que se sucederon nas semanas pasadas como a manipulación de grúas ou a aparición de pintadas nas paredes dalgunhas oficinas. Porén xa foron moitas as voces que condenaron enerxicamente estes feitos, entre eles, o presidente do Consello Regulador, o presidente de Pladimega, a asociación galega de empresarios de Depuradores de Moluscos ou o grupo municipal de IVIL.
Ó fío deste asunto, esta tarde sucedéronse as reunións entre os distintos presidentes das asociacións mexilloeiras co fin de acordar se mañá se convoca un paro xeral para o sector miticultor que afecte tamén a súa extracción para a súa venda en fresco.
Pola súa banda, o sector dos cocedeiros decidiu volver a realizar pedidos de mexillón a partir de mañá para retomar a súa actividade.
Redacción Salnés






