Ducias de rapaces bailan pola paz en pleno centro de Cambados

CAMBADOS> Preto de 150 alumnos dun instituto de Cambados bailaron hoxe pola paz. Os rapaces interpretaron unha coreografia dunha das cancións con máis sona de Michael Jackson en plena praza de Fefiñáns.

Levan preto dun mes ensaiando e hoxe foi o seu gran día. O vindeiro martes celébrase o Día da Paz e os alumnos do Instituto Escultor Asorey quixeron adiantarse a esa reivindicación.

Unhas 150 persoas, entre rapaces e mestres, participaron nesta coreografía multitudinaria. Un canto á liberdade das persoas e ao dereito da humanidade a vivir en paz. Con estas máscaras brancas, ocultando os seus rostros, os rapaces quixeron visibiliza-la igualdade entre persoas: tanto ten a raza, a cor, as crenzas ou orientacións sexuais, o único que importa é que na realidade todos somos persoas.

Malia a ameaza da chuvia, que mesmo chegou facer acto de presenza nalgún momento, os rapaces amosaron o seu talento e arrancaron o aplauso do público que se foi congregando na praza. E non é para menos: os rapaces levan moitos días ensaiando, para demostrar a Cambados e ó mundo enteiro o seu esforzo a prol dunha causa tan necesaria como xusta.