SANXENXO > Un supermercado situado no centro de Vilalonga foi o obxectivo por segunda vez nunha semana dun mesmo atracador. O autor dos feitos ameazou á dona cun coitelo antes de levarse un botín de 960 euros a primeira vez e 3.000 euros a segunda. O medo e a desconfianza reinan agora neste pequeno establecemento.
O primeiro roubo sucedeu a semana pasada cando un rapaz de entre 18 e 20 anos entrou no Súper Centro en Vilalonga e se achegou a á caixa rexistradora ante o asombro da propietaria. Cando esta se achegou para evitar o roubo, o delincuente ameazouna cun gran coitelo de cociña. Nesta ocasión logrou abrir a caixa e levou un botín de 960 euros.
A propietaria xa sospeitaba que algo parecido volvería a suceder, o que non se imaxinaba é que sería o mesmo ladrón seguindo o mesmo modus operandi. Despois de vixiar os movementos de dentro do súper, o individuo entrou arredor das 12 da mañá. Igual que na vez anterior intentou abrir a caixa rexistradora aínda que ó non conseguilo levouse dous bolsos que se gardaban debaixo do mostrador. O botín esta vez foi de 3.000 euros.
Nesta segunda ocasión o ladrón, que escapou nunha moto roubada, foi perseguido por diversos veciños que chegaron a cortarlle o paso aína que finalmente puido fuxir. Os axentes da garda civil sospeitan que o culpable é un veciño da zona, opinión que tamén comparte a dona da tenda, quen xa ten algún sospeitoso.
Redacción Salnés