O GROVE > O 14 de febreiro celébrase San Valentín pero no Grove adiantáronse á data. O domingo pola noite o Concello meco celebrou un baile na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rei na que se repartiron rosas entre tódalas parellas de namorados.
Os veciños do Grove que se achegaron ata a casa da cultura do Monte da Vila onte pola noite bailaron ata a extenuación. O centro Manuel Lueiro Rei converteuse nunha pista de baile na que só tiñan cabida as parellas de namorados. Os xubilados mecos máis bailaríns gozaron do baile de San Valentín anticipado que organiza, como cada ano a concellería de Servizos Sociais.
Ducias de parellas pasaron unha romántica velada amenizada pola orquestra Los Caraqueños na que se agasallou a cada muller cunha rosa e na que houbo premios. O concello decidiu obsequiar cunha cea romántica e unha noite de turismo rural ó matrimonio Míguez-Nantes por ser o máis veterano, xa que levaban máis de medio século casados, ó máis recente: o matrimonio Rodríguez-Barral (unidos dende 1999) e á parella máis nova que levan saíndo xuntos dende 2004.
Redacción Salnés