BOIRO > O concelleiro de Urbanismo de Boiro, Xoán León, xunto cos arquitectos municipais mantiveron recentemente un encontro coa comisión creada no seu día co obxectivo de estuda-lo desenvolvemento urbanístico do municipio. Na xuntanza acordouse, entre outros aspectos, crear unha nova normativa que pretende evita-la concentración de locais de ocio nas zonas urbanas.
No encontro a comisión de arquitectos analizou unha proposta de modificación dalgunhas das ordenanzas do PXOM, fundamentalmnete aquelas que presentan contradiccións ou que son susceptibles de mellorar, así como a creación doutras novas que o goberno local considera necesarias.
Así, un dos cambios a introducir afecta ós voos dos edificios. A idea pasa por permitir facer voos discontinuos, integrando balcóns e outros elementos, de xeito que permitan facer deseños máis estéticos nas fachadas.
Ademais tamén se modificará a ordenanza que regula os accesos ós garaxes, sobre todo aqueles que levan montacargas e a relacionada cos volumes permitidos para as cubertas.
En canto ós aspectos a mellorar figura o problema do retranqueo. Na ordenanza actual non queda claro que se se teñen en conta ou non os voos á hora de contabiliza-los metros de separación. A proposta da comisión de expertos é fixar os extremeiros en tres metros, pero sempre contados a partir da liña do voo.
A partir de agora tamén será obrigatorio habilitar un acceso cómodo para chegar ás cubertas dos edificios, moi necesario ante un posible incendio ou reparacións na cuberta, xa que na actualidade debido a que se aproveita todo o espazo do baixo cuberta para a vivenda non se están facendo estes accesos.
En canto a ordenanzas novas o propio concelleiro de Urbanismo sinalou que vai ser obrigatorio colocar contedores soterrados por parte dos construtores a partir dun determinado número de vivendas.
Outras ordenanzas novas terán que ver tamén cos proxectos, así ademais de presenta-lo proxecto en papel será recomendable entrega-lo en soporte informático.
Na xuntanza tamén se elaborou unha proposta de ordenanza específica para restrinxi-los usos en solo urbano co obxectivo de ir evitando a masificación de locais de ocio nocturno dunha sola zona.
Outra ordenanza específica terá que ver co estudo dos núcleos rurais para tratar de mante-la estética exstente en cada zona e preservando o uso de materiais autóctonos como a pedra ou a madeira e buscando a sensibilización dos veciños para busca-la vía da rehabilitación.
Redacción Barbanza