BARBANZA > A Deputación da Coruña ten previsto investir un total de 25 millóns de euros nos 94 municipios da provincia a través do Plan de Obras e Servizos, POS 2006. Estes proxectos serán aprobados na sesión plenaria que o organismo provincial celebrará o vindeiro xoves 23 de febreiro.
Dos 25 millóns de euros cos que conta este Plan de Obras e Servizos, POS 2006, da Deputación Provincial da Coruña, ó redor dun millón trescentos mil euros serán destinados á comarca do Barbanza.
No concello de Boiro serán unhas dez as actuacións incluídas con cargo a este plan, para as que se disporá de máis de 465 mil euros. Esta cantidade será destinada a varios proxectos, entre eles, a pavimentación de diferentes núcleos como o de Cruceiro Vello, Pesqueira, ou os camiños de Berres, Saltiño e o Rueiro. Ademais de beneficiar a outras zonas como Coroño, Cures, Cespón, Goiáns e Lamas.
A Deputación coruñesa tamén destinará máis de 246 mil euros para o concello de Rianxo, onde está previsto acometer un total de cinco actuacións. Así con cargo ó POS 2006 realizarase a instalación da rede de saneamento de Bures a Rianxo e a do Campo da Ponte, así como a construción de beirarrúas en Isorna. Outras das actuacións neste municipio serán a rede de saneamento da Laxe e a instalación dun pozo de bombeo en Monte Grande.
No concello de Ribeira a Deputación investirá máis de 491 mil euros que irán destinados a realizar dúas actuacións: a pavimentación do barrio do Monumento e a pavimentación da rúa General Espartero e outras zonas.
Para o municipio da Pobra do Caramiñal o organismo provincial destinará unha partida de 200 mil euros que serán empregados para a realización do saneamento, abastecemento e pavimentación desde Cabío ó campo de fútbol da Alta, así como o acondicionamento dos postos da nova praza de abastos e a mellora zona da Atalaia ó colegio Salustiano Rey Eiras, no entorno da piscina municipal.
Redacción Barbanza