O Consello Sectorial de Pesca pide un cambio na xestión do libre marisqueo

    RIBEIRA> A reunión desta mañá foi a primeira xuntanza da presente lexislatura, despois da constitución da nova corporación municipal. Baixo a presidencia do alcalde, Manuel Ruíz, á xuntanza asistiron os voceiros de tódolos grupos municipais con representación municipal na nova corporación, así como tamén os patróns maiores de Aguiño e Ribeira, o administrador da lonxa municipal e representantes do sector do arrastre. Trátase da primeira reunión que celebra este consello nesta lexislatura e nela abordáronse diversos temas de interese para o sector do mar. Un deles gardaba relación co libre marisqueo. Os representantes dos pósitos trasladaron a necesidade de aprobar unha solicitude de apoio de cara a un cambio no actual modelo de xestión do libre marisqueo. Tamén se aprobou un acordo para solicitarlle ó Goberno Estatal unha nova regularización dos motores das embarcacións de artes menores baixo a premisa de que non implican maior esforzo pesqueiro, pero si redundan na mellora das condicións laborais e de seguridade dos mariñeiros. Outra das cuestións tratadas na reunión foi a inclusión da Asociación de Empresarios de Ribeira no seo deste órgano representativo, un posto que ocupará o presidente da patronal local, Antonio Miranda.