A Deputación aporta 600 mil para a financiación do matadoiro do Barbanza

    moredaenribeira_100_230707.jpgRIBEIRA > A Deputación da Coruña aportará unha partida de 600 mil euros para a construción do matadoiro comarcal de Arousa Norte.

    O salón de plenos da casa consistorial de Ribeira acolleu o acto de sinatura do convenio entre a Deputación provincial e o concello ribeirés para a financiación do matadoiro comarcal da Mancomunidade Arousa Norte.

    As novas instalacións ubicaranse nunha parcela do polígono de Xarás e darán servizo ós concellos de Ribeira, Pobra, Boiro e Rianxo aínda que dada a súa gran capacidade poderían extenderse a outros municipios da zona como Porto do Son

    A construción deste novo recinto suporá unha inversión total de 1.408.322 euros, dos cales a Deputación aportará seiscentos mil euros. O concello deberá asumi-lo financiamento da parte porcentual da obra ata acada-la totalidade do seu presuposto. O vindeiro paso agora será sacar a licitación a obra que, segundo os prazos previstos, podería estar adxudicada en setembro.

    Compromiso con Ribeira

    O feito de que Salvador Fernández Moreda elixira Ribeira para a súa primeira visita trala súa reelección como presidente da Deputación non é unha casualidade senón que, segundo as súas propias palabras, está ‘cheo de intención’.

    Moreda pretende amosar así o seu compromiso con concello de Ribeira e co seu alcalde, Xosé Luís Torres Colomer, a quen agradece a súas actitude de colaboración e entendemento como cabeza da oposición na Deputación.

    Servizos mancomunados

    Así mesmo, o presidente provincial insistiu na necesidade de mancomunir servizos, tal e como está a acontecer en Arousa Norte, para racionalizar os recursos e permitir que tódolos concellos vexan cubertas as súas necesidades a través de entidades comarcais. Así, a Deputación comprometeuse a seguir apoiando este tipo de iniciativas.

    Tralo inicio da tramitación para a posta en marcha do matadoiro, os catro alcaldes da Mancomunidade de Municipios Arousa Norte, xa están a traballar no deseño de novas actuacións conxuntas como a creación dunha canceira comarcal que dea servizo ós catro concellos.

    Redacción Barbanza