Unha axente atropelada aposta cando poñía unha multa

    VILAGARCÍA > A falta de civismo e a agresividade que se aprecia nos últimos tempos, a piques estivo de provocar unha traxedia en Vilagarcía. Un mozo de 27 anos atropelou a unha policía local que o estaba multando por aparcar en zona prohibida e entorpece-la circulación en plena vila. A axente, que tivo que ser ingresada no Hospital do Salnés está de baixa con diversas lesións.

    Todo aconteceu na céntrica Praza da Independencia de Vilagarcía. Unha axente da policía local achegouse ata o lugar para multar a unha furgoneta estacionada en zona prohibida e que entorpecía o tráfico. Ó chega-lo conductor do vehículo, comezou a insultar á axente, polo que ésta pediulle a documentación. O conductor, un vilagarcián de 27 anos e que resposta ás iniciais Iota L. C., negouse e subiu ó coche para marchar, arrementendo contra a axente que estaba diante e que caeu enriba do capó percorrendo deste xeito 12 metros, ata que conseguiu baixar.

    O conductor non parou en ningún momento pero afortunadamente puido ser detido pouco despois. Tras pasar pola comisaría, quedou en liberdade con cargos, unha decisión que non gustou no concello, onde consideran demasiado grave o sucedido. Tamén os membros da policía local se sinten completamente indefensos ante a actuación da xustiza.

    Cren que existe unha sensación de impunidade entre os culpables debido á falla de castigo e á lentitude da xustiza, e aseguran que cada día é máis difícil face-lo seu traballo. No caso da axente agredida onte, foi trasladada ó ambulatorio de S. Roque e despois ó Hospital do Salnés onde lle detectaron diversas lesións. Actualmente está de baixa e pendente aínda de varias probas. Anque quizais o máis difícil é a recuperación psicolóxica que causan feitos coma este.

    Redacción Salnés