BOIRO > Novo suceso relacionado co tráfico de drogas na comarca do Barbanza. A Garda Civil de Boiro detivo a tres persoas acusadas de vender estupefacientes ás portas dos institutos da localidade. Tralo arresto, os axentes procederon ó rexistro dun garaxe propiedade dos detidos onde atoparon dous quilogramos e medio de haxís e os embalaxes doutro seis quilos xa vendidos.
Os detidos, dous homes e unha muller, operaban nas inmediacións dos Institutos de A Cachada e Praia de Barraña aínda que a Garda Civil segue a investigar se a súa actividade se extendía a outros centros da comarca.
A operación enmárcase dentro do plan antidroga nos centros de secundaria promovido polo Ministerio do Interior. Un dos detidos, xa fora arrestado a principios de ano por posesión de estupefacientes pero foi posto en liberdade. Daquela, a garda civil iniciou unha investigación que concluiu con esta nova detención.
Os arrestados eran propietarios dun garaxe onde a Garda Civil incautouse de dous quilogramos e medio de haxís e os embalaxes correspondentes a outros seis quilos que supostamente xa foran repartidos así coma diverso material utilizado para cortar e prepara-la droga.
Polo momento non trascendeu a identidade dos detidos aínda que os datos coñecidos apuntan a que se trata dun matrimonio e outro varón máis. A parella ten un fillo que estuda no Instituto da Cachada; o pai aproveitaba para vende-la mercancía entre os rapaces mentres agardaba a que o seu fillo saíra de clase.
Redacción Barbanza