A liga ACT adiante un mes a súa cita en Cabo de Cruz

    BOIRO> A máxima competición do remo en España, a Liga ACT-San Miguel, regresa esta vindeira fin ó Barbanza. Farao este domingo en Cabo de Cruz, coa disputa da vixésimo sexta edición da Bandeira Concello de Boiro. Un mes antes da súa data habitual, xa que nos últimos anos facíase coincidir coa Festa de Exaltación do Mexillón, Cabo de Cruz concentrará este próximo domingo, a partir das doce da mañá, tódalas miradas dos afeccionados ó mundo do remo. En xogo a vixésimo sexta edición da Bandeira Concello de Boiro. A regata enmárcase no calendario da Liga ACT-San Miguel, hoxe en día a competición máis relevante do panorama nacional do remo. A pesar das diferenzas existentes con Hondarribia e Urdaibai, as dúas embarcación máis fortes a estas alturas de tempada, os crucenses agardan realizar unha boa regata e pelexar pola bandeira. Será unha homenaxe especial para Arturo Romero, máis coñecido polo ‘Foca’, recentemente falecido, un dos fundadores do club. Dende o concello volveron incidir na importancia desta regata que forma parte da liga de remo máis prestixiosa a nivel nacional.