RIBEIRA> Os percebeiros de Aguiño iniciaron esta semana a campaña na zona sur da confraría. Na primeira xornada de traballo constataron a escasa fixación de percebe. A nota positiva foi a alta cotización cun máximo por riba de cen euros.
Seiscentos quilos de percebe descargáronse na lonxa de Aguiño nesta primeira xornada de traballo dos mariscadores nas autorizacións da zona sur. Aínda que as impresións non foron demasiado boas ante a escasa presenza de marisco nas rochas, debido en parte ás malas condicións da marea, os profesionais saíron contentos da subhasta onde o recurso acadou un prezo medio de cincuenta euros e un máximo de cento tres.
A suba da cotización debeuse á alta demanda de percebe que permanece pechado noutras confrarías galegas. Aínda así, a confraría de Aguiño decidiu non volver saír ata o vindeiro luns ante a escasa marea prevista esta semana e coa intención de preservar o recurso e prolongar a campaña ata despois do Nadal.