POIO > O concello de Poio traballa nun convenio coa Consellería de Vivenda para a creación de vivendas de Protección Oficial no municipio. Así o acordaron na reunión mantida entre o delegado de Vivenda en Pontevedra, o alcalde e mailo presidente de Xestur. No encontro trataron tamén o tema do polígono industrial da Fraga Moreira maila problemática da sentencia xudicial de derrube de chabolas do asentamento xitano do VAO.
A concello porá a disposición da Xunta, a un prezo baixo, uns terreos da Valiña para que sexan destinados á súa urbanización de xeito que se constrúan neles vivendas de protección oficial autonómicas de titularidade municipal. Este foi o acordo ó que chegaron na reunión mantida polo alcalde de Poio, o delegado en Pontevedra da Consellería de Vivenda e mailo presidente de Xestur. Con este convenio a concellería pretende dar un paso adiante na política de acceso á vivenda.
Precisamente neste eido, durante o encontro trataron tamén a problemática do asentamento xitano do VAO. A previsión é que nun período máximo de tres anos se dea urbanizado a zona e se creen as vivendas modulares para as familias que viven alí. Para ir acadando este obxectivo, que non se presenta como unha tarefa fácil decidiron aunar esforzos varias consellerías: vivenda, ordenación do territorio e benestar.
Os conflictos son un problema que podería xurdir de se executar a sentencia xudicial pola que dez chabolas do VAO deben ser derrubadas por incumprimento urbanístico. Un problema que se presenta delicado pola posibilidade de que queden sen teito varias familias do poboado. Durante a reunión tratouse tamén o futuro do parque empresarial da Fraga Moreira que será xestionado por Xestur. Para que sexa unha realidade só queda a sinatura do convenio que será executada en breve pola conselleira.
Redacción Salnés