Un novo plan de usos e xestión para o Parque Natural

    RIBEIRA > O Conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, desprazouse este xoves ata Ribeira para visita-lo entorno do Parque Natural de Corrubedo. Alí, mantivo unha xuntanza cos representantes dos afectados polo conxunto dunar na que lle explicou as liñas básicas do plan rector de uso e xestión do parque que pretende elaborar a Consellería.

    A visita do Conselleiro serviu para senta-las bases de fututros acordos que permitan atender as necesidades dos veciños afectados polo parque natural ó mesmo tempo que se explotan as súas posibilidades como factor de desenvolvemento.

    O representante autonómico, Manuel Vázquez, expresou a boa vontade por parte da administración de cara a artellar fórmulas de colaboración  que compatibilicen o desenvolvemento sostible deste entorno coas necesidades dos afectados.

    Segundo Vázquez, o único termo que é innegociable é a necesidade do parque natural como ben público, sempre que non repercuta negativamente sobre os veciños do seu entorno.

    As primeiras medidas serán o desenvolvemento dun plan rector de usos e xestión así como a revisión e actualización do plan de ordenación de recursos naturais vixente dende a creación do parque en 1992.

    No transcurso da reunión, o Conselleiro atendeu as demandas dos principais representantes das comunidades de montes e particulares afectados.

    Entre os principais problemas plantexados está a existencia de vertidos residuais contaminantes, a falla de saneamento, as limitacións urbanísticas ou a proliferación de xabaríns que poñen en perigo os cultivos.

    Así mesmo, os afectados reclaman unha revisión da política de axudas e a designación dun presidente da xunta rectora para constituir unha mesa de traballo que permita inicia-las negociacións.

    A pesar de que aínda non se tomaron decisións concretas, a Consellería aposta pola posta en marcha dun modelo de xestión e financiación transversal que implique a diversos departamentos.

    Así mesmo, o conselleiro apuntou a necesidade de tomar exemplo dos modelos existentes actualmente noutras comunidades autónomas como Cataluña ou Asturias que permiten o desenvolvemento sostible dos espazos naturais.

    Redacción Barbanza