O PXOM de Boiro dificulta a creación do campo de golf e o centro de talasoterapia

    BOIRO > O concello de Boiro está a estudar a posibilidade de crear un campo de golf e un centro de talasoterapia na zona de Carragueiros. Esta actuación, promovida pola iniciativa privada, viría a dar un importante pulo ó turismo da zona. Polo momento, o proxecto aínda se atopa en fase de estudo posto que o planeamento urbanístico introduce unha serie de atrancos para o seu desenvolvemento.

    O desenvolvemento do plan urbanístico na zona costeira de Carragueiros facilitaría a creación destas instalacións turísticas ó mesmo tempo que resolvería a situación dos particulares que posúen terreos neste emprazamento que ata o momento non son edificables.

    O executivo está a estuda-las posibilidades de poñer os terreos a disposición das empresas privadas para dar saída á construción do campo de golf e o complexo de talasoterapia.

    O concelleiro de Turismo considera de vital importancia o desenvolvemento destas infraestruturas, de xeito que o municipio poida abrise de cara a novas vertendes do sector turístico, como é o turismo de élite. Neste sentido, referiuse á futura creación dos portos deportivos de Cabo de Cruz e Escarabote que debe levara aparellada a construción de instalacións que satisfagan as demandas dos seus usuarios.

    Neste sentido, Manuel Velo, referiuse ás importantes vantaxes derivadas destas novas instalacións como son a creación de riqueza e postos de traballo así como a atracción de novos inversores na zona.

    Redacción Barbanza