O comercio de Boiro pide o apoio doutros sectores na súa loita contra as grandes áreas

    BOIRO > A implantación de novas superficies comercias no concello de Boiro segue a xerar polémica entre os comerciantes locais. Os membros da Asociación Boiresa de Empresarios mantiveron unha xuntanza o martes pola noite na que se fixo patente o rexeitamento á creación deste tipo de áreas polo prexuízo que suporán de cara ó pequeno comercio.

    De novo o comercio boirés manifestou claramente na xuntanza celebrada o martes pola noite na sede da Asociación Boiresa de Empresarios a súa total oposición á implantación de grandes áreas comerciais no municipio.

    Aínda así o comezo da xuntanza foi bastante tensa e algúns dos comerciantes que asistiron á reunión recrimináronlle a algúns membros da actual xunta directiva a súa pouca implicación e defensa do sector e mesmo chegaron a insinua-la posible marcha da entidade e a conseguinte creación dunha asociación alternativa só para o comercio.

    Durante a xuntanza tanto o presidente da ABE, Joaquín Vilas, coma o Delegado do Comercio, Manuel Casais, informáronlle ós comerciantes da reunión mantida cos representantes do goberno local.

    Durante a mesma os directivos da patronal boiresa expuxéronlle as razóns esgrimidas polo comercio de Boiro para a súa oposición á implantación das grandes superficies comerciais na localidade, tanto en Espiñeira coma na Pedreira ou na zona coñecida como horta de Don Gonzalo, así como que se deneguen as licenzas municipais para ditos centros.

    Segundo manifestou o presidente da ABE na asemblea de onte, da xuntanza cos responsables municipais despréndese a súa intención de seguir para adiante cos tres proxectos.

    Á vista da postura tomada polo concello, os comerciantes acordaron tomar unha serie de medidas que darán comezo cunha campaña de información e concienciación non só de todo o comercio de Boiro, socios e non socios da ABE, senón tamén entre outros sectores que tamén se verán afectados como a hostalería ou a automoción.

    Esta previsto ademais celebrar outra xuntanza a vindeira semana, o xoves 23, na que se determinarán tamén outras accións a levar a cabo en sinal de protesta pola implantación destas grandes áreas en Boiro.

    Redacción Barbanza