Pontevedra avoga polo aforro enerxético no Día do Consumidor

    PONTEVEDRA > Utilizar electrodomésticos adecuados, apagar a luz cando non a necesitamos ou elixir a temperatura óptima de confort na nosa vivenda. Son pautas que debemos seguir para reducir o consumo doméstico de enerxía. Do aforro enerxético falouse en Pontevedra nunha charla organizada polo concello, con motivo do Día Mundial dos Dereitos do Consumidor.

    A concelleira de Consumo de Pontevedra, Nieves Cuéllar, resaltou a importancia de controlar o gasto de enerxías non renovables, como petróleo e gas natural, xa que as vantaxes non só irán ós nosos petos senón tamén ós do país. E é que o 79 por cento da enerxía que se consume en España haina que importar.

    Juan José Coiradas, de Unión Fenosa Comercial, aportou unha serie de pautas para reducir o gasto de enerxía nos nosos fogares. Falou de illar ben a vivenda, de apagar a luz cando non se precise e de utilizar lámpadas de baixo consumo, ou de adecuar os electrodomésticos ás nosas necesidades e colocalos en lugares idóneos. O maior consumo doméstico de enerxía prodúcese no uso de calefaccións, e para reducir este gasto é preciso elixir a temperatura adecuada.

    Na charla tamén participou Juan Thomas, técnico de laboratorio do Instituto Galego de Consumo, que falou dos dereitos do consumidor e sobre todo das pautas a seguir en caso de ter que facer algunha reclamación.

    Redacción Salnés