‘Nova Alternativa’ á confraría de Noia

    NOIA> O domingo 28 preséntase un día importante para aqueles que viven do mar, xa que se celebran as eleccións nas confrarías galegas. Especial interese terá a de Noia, onde a dirección está inmersa nunha investigación policial e o sector crítico máis enfurecido que nunca.

    A confraría de Noia, con 1.335 asociados, imponse como a maior de toda Galicia. Nela tamén ten lugar un importante movemento crítico que acusa ó actual patrón maior, Santiago Cruz, de falta de transparencia á hora de xestionar a entidade. Ante o descontento xeneralizado, presentáronse tres listas máis sen contar a do actual goberno. Unha destas candidaturas foi Nova Alternativa, quen nos falou do seu programa electoral. Entre outras moitas queixas, a oposición denuncia que a confraría se fixo con máis de 100.000 quilos de marisco que pertencían aos mariscadores e que foron vendidos sen que se saiba o destino que levaron nin os cartos que se obtiveron pola venta. A policía autonómica detectou que as máquinas clasificadoras de marisco, tanto na lonxa de Testal coma no Freixo, pesan un 12’5 % menos do que correspondería. Este presunto desfalco ten que sumarse ó redondeo, ás demasías e ó 9’5% que os mariscadores teñen que pagar á confraría. Esta suma supón unha merma do 30% na ganancia dos mariscadores. Outra das necesidades que reivindican é a instalación duns aseos con ducha para cando rematan a xornada laboral. Propoñen incluír asesoramento para obter axudas, pagarlle a xente para facer vixilancias e investir en publicidade para promocionar o seu produto entre outras.