Arousa Norte realizará controis de tráfico conxuntos nos catro concellos

    BARBANZA > Os representantes da Mancomunidade de Municipios Arousa Norte reuníronse este mércores en pleno para abordar diversos temas entre os que destacan a creación dun matadoiro a nivel comarcal ou a implantación de controis de tráfico conxuntos. As decisións finais serán adoptadas o próximo luns en sendas reunións cos sectores implicados.

    Precisamente o luns será cando os catro alcaldes de Arousa Norte manteñan unha reunión cos xefes da Policía Local dos catro concellos para analizar a proposta formulada polos corpos policiais para implantar controis de velocidade e alcolemia conxuntos.

    Á espera deste encontro para unha toma de decisión os representantes da Mancomunidade valoraron moi positivamente esta iniciativa que, posiblemente, será posta en marcha proximamente.

    Outro dos temas abordados durante a sesión plenaria foi a creación dun matadoiro comarcal con maior capacidade que o actual para facer fronte á importante demanda existente.

    A este respecto, o alcalde de Ribeira, Xosé Luís Torres Colomer, informou dos contactos establecidos co presidente da Deputación da Coruña co fin de obter a financiación precisa para este proxecto.

    O representante provincial comprometeuse a subvencionar a construcción do matadoiro cunha contía dun millón de euros, equivalente á metade do presuposto total da obra.

    Os alcaldes de Arousa Norte reuniranse o luns cos rexedores de Noia, Porto do Son e Lousame para implicar a estes tres concellos no proxecto do matadoiro supramunicipal.

    A intención da Mancomunidade é ademais implicar ó sector cárnico na xestión destas instalacións.

    A instalación de antenas de telefonía móbil foi outro dos temas debatidos esta mañá polos membros da Mancomunidade. Os representantes comarcais elaboraron o borrador dunha ordenanza reguladora a este respecto que será debatida polas corporacións municipais de cada concello. O obxectivo é establecer un regulamento unificado que estableza os criterios a nivel comarcal.

    Redacción Barbanza