OUTES> Acompañada polo alcalde, Francisco Calo e a directora territorial da consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, Begoña Freire, a delegada da Xunta, Belén do Campo, visitou esta mañá as obras de reposición do firme na estrada autonómica AC-196, que atravesa os concellos de Outes e Noia.
A actuación, cun orzamento de preto dos 400 mil euros, comprende un tramo de aproximadamente catro quilómetros e medio de lonxitude.
A obra, que responde a unha vella demanda da veciñanza da zona, permitirá mellorar de maneira significativa o estado do firme, que se atopaba en mal estado e garantir unha circulación máis cómoda e segura para os usuarios.
Dende a Xunta destacaron a importancia desta actuación, que contribuirá a mellorar a mobilidade diaria dos veciños deste municipio.
Segundo Belén do Campo, a actuación inclúese nun plan máis ambicioso da Xunta que prepara dentro dos presupostos do 2026 dun orzamento de 71,6 millóns de euros para melloras de estradas.











