Discrepancias polo nomeamento da comisión do centenario

    RIBEIRA > A decisión do executivo ribeirés de nomear fillos predilectos da cidade á presidenta das Amas de Casa, Magdalena Bringas, e o presidente de Frinsa, Ramiro Carregal, non foi moi ben recibida polos grupos da opisición. Tanto PSOE coma BNG consideran que existen outros candidatos axeitados para esta distinción e critican o feito de que o goberno non dese opción para a proposta de novos nomes.

    A postura do grupo socialista é clara posto que xa acordou, nunha asemblea celebrada durante a fin de semana, votar en contra do nomeamento proposto polo executivo. Segundo os representantes do PSOE, os dous candidatos, Magdalena Bringas e Ramiro Carregal, non teñen maiores méritos que outras personalidades que destacaron na defensa da liberdade, a cultura ou a axuda ós necesitados.

    Pola súa banda, os nacionalistas veñen de presentar unha solicitude no concello para que se valoren novos candidatos. As propostas do BNG distinguirían como fillos predilecto ás heroínas de Sálvora, Josefa Parada, Cipriana Oujo e María Fernández, que salvaron a 40 mariñeiros no naufraxio do Santa Isabel ou ó presidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro.

    No apartado de fillos adoptivos, os nomes propostos son Francisco Lorenzo Mariño, párroco de Aguiño ou Mariano Vidal, concelleiro durante máis de 20 anos cunha destacada labor política e cultural no municipio.

    Os nacionalistas agardan que as súas propostas sexan valoradas. Neste sentido, consideran que o procedemento do executivo non foi correcto á hora de elixir os candidatos posto que non constituiu a comisión de honra que debe tomar este tipo de decisións.

    Redacción Barbanza