Torres Colomer reclama a ampliación do porto de Ribeira

    O alcalde de Ribeira, Xosé Luís Torres Colomer, compareceu esta mañá en rolda de prensa para aclarar os criterios que fan necesaria a ampliación do porto comercial da vila.

    A rendabilidade do futuro porto defendido polo equipo de goberno apoiase en datos cuantitativos, referidos ás cifras reportadas pola actividade portuaria da localidade ó ente Portos de Galicia en concepto de diversas taxas que acadan preto dos dous millóns de euros anuais.

    Así mesmo, Torres Colomer referiuse á importancia da riqueza que se crearía en torno á nova infraestrutura xa que afectaría a diversos sectores como o transporte, empresas de transformación ou servizos.

    O desexo do goberno ribeirés é que o executivo autonómico tome unha decisión e se pronuncie canto antes. O rexedor local amosou a súa satisfacción ante as declaracións do deputado socialista, Xosé Manuel Lage Tuñas, nas que garantía a ampliación da dársena exterior pero considera que é necesaria unha confirmación oficial por parte da Xunta de Galicia.

    Con respecto á diversidade de opinións entre os grupos políticos do concello, Torres fixo un chamamento á unidade, independentemente de cores política, para apoiar un proxecto beneficioso para Ribeira.

    Torres Colomer non quixo perde-la oportunidade de rebate-las declaracións efectuadas pola voceira do BNG, Dominga Brión, que afirmaba que o zanterior goberno do PP non tiña trazado ningunha liña de traballo para a elaboración do proxecto de ampliación do porto. Segundo o alcalde, os estudos de viabilidade deron comezo no ano 1999 e ata a data de hoxe realizáronse diversas actuacións encamiñadas a proxecta-la construción da dársena exterior.

     

    O descoñecemento, segundo Torres Colomer, parece ser a causa fundamental das declaracións realizadas polos grupos da oposición nas que se afirma que polo moemento non se tiña realizado ningún trámite para a elaboración do proxecto.

    O rexedor local explicou que as xestións deron comezo no ano 1999 co desenvolvemento das propostas técnicas e no 2000 procedeuse á elaboración dos estudos ambientais. No ano seguinte saíu a exposición pública un proxecto base e a partir de entón viñéronse realizando diversos estudos e análises técnicos. Neste sentido, Portos non deixou de traballar nesta liña e seguiu a intercambiar opinións cos diversos sectores afectados para elaborar un proxecto o máis axeitado posible.

    Por outra banda, o alcalde de Ribeira recoñeceu que a execución do proxecto afectaría á riqueza dos bancos marisqueiros da zona polo que sería precio analizar, polo miúdo, a magnitude dos posibles danos e consecuencias. Neste sentido, habería que levar a cabo unha actuación co menor impacto ambiental posible e estuda-las compensacións para os sectores afectados.

    Polo momento, o equipo de goberno ten prevista a convocatoria dun pleno extrordinario para que o asunto sexa debatido pola corporación municipal xa que se trata dun proxecto de vital importancia para Ribeira.

    Redacción Barbanza.