O PP critica a ‘falla de transparencia’ na adxudicación da autovía do Barbanza

    BARBANZA > A adxudicación das obras da autovía do Barbanza efectuada polo goberno da Xunta de Galicia segue sen convencer á oposición. Os populares afirman que a oferta adxudicataria resultou 31 millóns de euros máis cara que outras alternativas sen supoñer unha mellora considerable. Pola contra, a Consellería de Política Territorial explica que a elección do proxecto fundamentouse na maior seguridade viaria e o menor impacto medioambiental.

    O PP considera que o proceso de adxudicación das obras da autovía, efectuado cun retraso de seis meses sobre a previsión inicial, foi ‘de todo menos transparente’. Neste sentido, o sobrecuste de 31 millóns de euros que sinalan os populares non suporá unha mellora no trazado nin a redución dos prazos de execución. A este respecto, a Consellería de Política Territorial apuntou que o proceso de contratación respectou escrupulosamente a lei e que o proxecto elixido incorpora unha serie de melloras no que respecta á seguridade viaria e aspectos medioambientais con respecto ó resto das propostas presentadas. A empresa Itinere – Caixa Galicia contempla no seu proxecto a utilización dunha capa de rodadura drenante así como unha solución construtiva sen piares na mediana para a eliminación de obstáculos.

    Para os populares, estas argumentos non son máis que ‘desculpas de mal pagador’ posto que o proxecto final non inclúe mellora algunha no trazado, nin engade novas prestacións como o gas ou a rede de cabo. Pola contra, atribúen o retraso e o incremento do presuposto a ‘unha operación oculta para compensar a supresión de peaxes que aínda seguen en vigor’.

    Así mesmo critican o feito de que a conselleira de Política Territorial, María Xosé Caride, contratara unha segunda asistencia para a valoración das ofertas presentadas. A este respecto, o director xeral de Obras Públicas, Manuel Morato, lembrou que a decisión do solicitar un segundo informe foi acordade por unanimidade de tódolos membros da mesa que foron nomeados polo anterior goberno da Xunta de Galicia.

    Redacción Barbanza