O concello estuda proxectar filmes no Auditorio da Xunventude

CAMBADOS > O concello de Cambados baralla a posibilidade de proxectar filmes semanalmente no Auditorio municipal. Así o comentou esta tarde a concelleira, Rosa Oubiña na presentación da programación de actividades culturais de primavera do concello. Marzo, abril e maio continuarán con moitas das actividades do ano pasado e incorporan novidades.

En colaboración co OMIX de Cambados, a concellería de Cambados prepara unha programación pensada principalmente nos cativos e nos maiores. Á falta de sala de cinema no municipio, traballa na posibilidade de sacar un maior rendemento ó auditorio proxectando nel filmes semanalmente ademais doutras actividades.

Na semana anterior á Semana Santa está previsto que se remate o obradoiro de seguridade vial para nenos. Para o mes de abril, coincidindo co aniversario de Andersen e co día do libro faranse distintas lecturas conmemorativas. Para o mes de maio destacan en especial as segundas xornadas de solidariedade que este ano, irán dedicadas ó Centro Esperanza Salnés. Tamén haberá espazo para as letras galegas con diversos actos centrados na figura do homenaxeado Manuel Lugrís Freire. O día internacional da familia este ano irá dedicado a figura dos avós e dos netos.

O programa de actividades complétase con diversos cursos, certames e xornadas de potenciación da solidariedade e o voluntariado.

Redacción Salnés