O mal tempo deixa o Salnés sen macrobotellón

    SALNÉS > Ó final non houbo macrobotellón. A intensa chuvia que caeu o sábado non logrou congregar ó número de persoas previstas nin en Cambados nin no Grove. Os mails e as mensaxes de móvil non foron capaces de congregar, nin de lonxe, ás cinco mil persoas que se pretendían xuntar.

    Tan só unha vintena de ‘atrevidos’ desafiaron á chuvia na praza do Corgo no Grove pero como ven, ás doce da noite xa non quedaba ninguén. Na praza de Fefiñáns nin sequera pretenderon entrar xa a facer a festa. O mal tempo puido coas intencións dos internautas de facer sendas macro citas no Grove e Cambados nas que non faltara o alcohol. Co que non contaron foi co tempo. O primaveral clima a comezos de semana, cando se comezou a estender o rumor, parece que enganou ós convocantes que non contaron con que o mal tempo da fin de semana truncara o seu plan de festa.

    Non fixo falta tampouco que o dispositivo policial preventivo despregado durante a madrugada intervira. A preocupación que había fai uns días por se a concentración cambadesa se celebraba na Praza de Fefiñáns deu paso á tranquilidade. Nin sequera houbo traslado á Calzada, tal e como se prevera no caso de que a convocatoria tivera o éxito que se agardaba. O paseo cambadés amosábase baleiro á medianoite tal e como se pode apreciar nas imaxes. A noite do sábado transcurriu con total normalidade e só se detectou algún grupo de mozos nos lugares habituais de reunión.

    Redacción Salnés