Noia suma unha dedicación parcial ás catro exclusivas do anterior mandato

NOIA>  Noia celebraba a pasada tarde a sesión organizativa na que se aprobaron catro dedicacións exclusivas e unha parcial. Suporán un custo anual de 146 mil euros. A proposta do goberno saíu adiante cos votos en contra de PSOE e Marea e a abstención do BNG.

O alcalde, Santiago Freire, percibirá preto de 50 mil euros mentres que os concelleiros Laura Salgado e Santiago Rodríguez, do PP, e Marisol Villar, do NOIA, cobrarán unha retribución bruta de 27.500 euros ó ano. Nesta lexislatura, a diferenza da anterior, haberá tamén unha dedicación parcial para a edil popular Ana Isabel García , que rolda os 18 mil euros. 

No que respecta ás retribucións por asistencia a órganos colexiados mantéñense en 150 para plenos e 60 para comisións e xuntas de goberno. No reparto das áreas de goberno, aprobáronse 5 tenencias de alcaldía, 3 para o PP e 2 para o NOIA. Serán Marisol Villar, Iván Lorenzo, Pepe Pérez, Luis Alamancos e Beatriz Rosende.

En canto ás delegacións, Laura Salgado asumirá Urbanismo, Obras, Relacións Institucionais e xuventude mentres que Luís Alamancos levará as competencias en materia de Persoal, Policía Local, Seguridade Cidadá, Emprego e Medio Ambiente. Ana Isabel García seguirá  a fronte de Parques e Xardíns e Emerxencias mentres que Santiago Rodríguez será concelleiro de Deportes, Servizos e Medio Rural. Beatriz Rosende mantén a carteira de Relacións Veciñais, Participación Cidadá e Eventos  e Iván Lorenzo dirixirá os departamentos de Educación e Novas Tecnoloxías.

Os edís do Noia suman novas competencias ás que xa tiñan no anterior mandato. Marisol Villar será a responsable de servizos sociais, benestar, igualdade e conciliación mentres que Pepe Pérez asume os departamentos de turismo, cultura, comercio, industria e vivenda.