A Marea de Noia esixe que se retomen as obras da praza de abastos

NOIA> A Marea de Noia esixe ó goberno local que adopte as medidas necesarias para desatascar a obra da praza de abastos. De non ser así, advirten de que denunciarán a licitación ante a Xunta Consultiva de Contratación.

Dous anos despois do inicio das obras da praza de abastos de Noia, a actuación aínda non está rematada e os traballos permanecen parados debido, segundo denuncia a Marea, a unha serie de irregularidades na tramitación do expediente.  Esixen que se retomen canto antes as obras para non prexudicar os titulares dos postos que se ven afectados pola baixada das vendas. De non se así,  ameazan con denunciar a licitación ante a Xunta Consultiva de Contratación. 

Pola súa banda, dende o goberno municipal defenden a legalidade da tramitación do proxecto explicando que o modificado do proxecto foi aprobado de acordo ás certificacións e prezos establecidos.

O alcalde explicou que a parte exterior da obra está practicamente rematada pero a interior entraña maior complexidade posto que é necesario reordenar os postos mentres duren os traballos para compatibilizalos coa actividade.

Agardan nos próximos días manter unha xuntanza cos praceiros afectados que permita retomar as obras no menor tempo posible.