RIBEIRA > O 21 de marzo, conmemórase en todo o mundo o Día da Árbore. E que mellor escenario para a celebración dun acto conmemorativo que o Parque Natural de Corrubedo onde este martes tivo lugar a entrega de premios dos concursos de debuxo e literatura convocados pola Xunta. Nenos dos centros educativos de toda Galicia participaron neste acto que estivo presidido polo Director Xeral de Conservación da Natureza, Xosé Benito Reza.
Coincidindo coa chegada da primavera, este martes celebrouse o Día Forestal Mundial, coñecido popularmente como Día da Árbore. Para festexalo, a Consellería de Medio Ambiente convocou un concurso de debuxos e contos no que participaron escolares de toda Galicia.
Ese día tivo lugar no Parque Natural de Corrubedo, en Ribeira, a entrega de premios ós autores dos mellores traballos. O obxectivo desta actividade é ensalza-lo valor das árbores tanto a nivel económico, coma social e ecolóxico así como concienciar ós rapaces da importancia de respectar e preserva-lo medio ambiente.
Os premiados recibiron unha contía económica e unha cámara dixital así coma un diploma acreditativo.
Entre os debuxos gañadores atopábase o de Manuel Pena, un ribeirés alumno do Colexio O Grupo, que grazas a este recoñecemento xa ten clara a súa vocación.
Despois da entrega de premios, os rapaces acompañados polo director Xeral de Natureza, os delegados provinciais da Consellería e o presidente de Sogama, procederon a plantar dúas árbores no recinto natural.
Cada un dos participantes recibiu ademais unha pequena árbore para plantar na súa casa como lembranza desta data tan sinalada.
Redacción Barbanza